Monday 06 de May de 2024

A Pobra pon o foco na saúde mental con varias accións de sensibilización


A saúde mental gañou transcendencia nos últimos anos por se producir unha apertura na súa visibilidade e debate na esfera pública. Deste xeito, o foco pasou de se orientar unicamente ao estado físico para se centrar tamén no psicolóxico e emocional, como mecanismos para acada-lo benestar. Neste senso, persoal dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal e dos ámbitos sanitario e educativo asistiu antes do verán a unha xornada formativa.

É unha acción que se complementa agora con iniciativas dirixidas a toda a cidadanía, segundo explica a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, xunto coa educadora familiar do Concello, Lidia Martínez, coa finalidade de sensibilizar sobre un tema que atinxe toda a sociedade, especialmente cando de xeito global se tende máis ao individualismo e cando se deixa de lado o espírito de comunidade, polo cal se producen, en moitos casos, situacións de illamento social.

A integradora social de Andaina Pro Saúde Mental, Tania Lavandeira, impartirá no 24 de outubro, ás 19.30 horas, a charla Falamos? Desmontando mitos sobre a conduta suicida. Transcorrerá no Auditorio do Museo Valle-Inclán ao abeiro do programa integral no ámbito rural para a mellora na detección e intervención en casos de risco de suicidio.

Doutra banda, a partir da próxima semana, a biblioteca municipal Victoriano García Martí contará cun punto de lectura permanente composto por títulos para tódalas idades que abordan a saúde mental.